Dos arquivos do trasno

Dos arquivos do trasno, libro publicado no 1926, contiña inicialmente un total de oito relatos; dende a segunda edición, no 1961, Dieste ampliou o número a vinte. O libro ábrese cunha introdución que condensa unha moderna teoría do conto exposta en forma de proverbios. Dous son os principios que a gobernan: unidade emotiva e remate esencial. O eixo temático da narrativa de Dieste xira arredor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega.

A psicoloxía

Dieste retrata en historias diferentes a psicoloxía da xente galega, por medio do seu comportamento e reaccións: o carácter inxel e bonanzoso (Pampín, Estreliña); o espírito emprendedor e nostálxico (os emigrantes de «O grandor do mundo» e «Na ponte de ferro»); o orgullo e amor propio, que ante as ofensas e as presións configura personalidades obstinadas nos seus principios e fieis a uns valores morais propios (o vello Moreno, Ramires o fogoeiro).

O ambiente mariñeiro e a rexa dignidade dos personaxes, xunto co ritmo (obsesión-suspense-remate sintético) conforman a unidade estética destes contos. En «De como se condenou o Ramires», o protagonista, un indiano moribundo, rexeita a confesión, sobrepoñéndose á teima do crego e ás alucinacións da súa agonía.

As experiencias extraordinarias

Moitos contos de Dieste presentan un verniz máxico e misterioso, pero manténdose sempre dentro da realidade, pois os finais dilúen a insinuación do fantástico deixando aberta a explicación lóxica dos acontecementos (ilusións sensoriais, experiencias oníricas, suxestións…).

Estes relatos de Dieste teñen un final inconcluso e aberto, que deixan a quen le coa incertidume acerca desas experiencias extraordinarias, que non sobrenaturais; por iso os remates sorprenden ao lector, a pesar de estaren latentes ao longo do relato, de acordo cos principios do conto formulados por Dieste.

Algunhas das narracións de Dos arquivos do trasno son cousas ao xeito das de Castelao, se ben Dieste se mantén a unha maior distancia dos asuntos dos seus contos. Neles hai unha filosofía implícita sobre o poder da imaxinación e a natureza misteriosa do ser humano e das cousas. As teses filosóficas, sempre subordinadas á función poética, acadan unha maior relevancia no conto «O drama do cabalo de xadrez», que constitúe unha alegoría sobre o mundo e a vida: a insatisfacción, a frustración, o desexo de poder e de transcendencia…

Dende o punto de vista técnico, Dieste utiliza a técnica do encaixe (inclusión dun conto dentro doutro), a retrospección, a apelación á audiencia, os ambientes tabernarios para dar idea do colectivo galego… Os narradores, que frecuentemente relatan en primeira persoa, utilizan un ton serio e confidencial e o discurso é sinxelo, con parrafeos breves, en consonancia cos ambientes íntimos e humildes dos contos.