4 A luz en silencio

Eu ben sei que o meu caso non debe dar pé a ningunha nova metafísica, e si, soamente, ás análises dalgún médico sutil. Pero se eu fose afeizoado ás trupias de concepto diríavos que aquela noite foi cando por primeira vez sentín a carón meu a terrible presencia baldeira do Señor Ninguén. Lonxe de min a intención de metervos medo, xa que, polo demais, a cousa non tivo importancia.

Direivos como foi.

Dende había algúns anos vivía na cidade. Alá na viliña onde eu nacera e finaran meus pais, quedaban do herdo familiar algunhas leiras, unha casa e, na casa, uns cantos trastos vellos…

Un labrador fiel de toda a vida, termaba de todo. Foi el quen me urxiu, nunha carta de letra revesgada, para que fose alá. Facía falta que eu mesmo remexese nos seculares feixes de escrituras para desenliar unha discordia por cuestión de extremas.

Cheguei case de noite no coche estrangoado que facía de cote a viaxe entre o meu pobo e a cabeza de partido por onde pasaba o tren. Dúas horas a oí-los berros do tralleiro e as couces que daba nas táboas do pescante para espabilar ós cabalos cativos e desventurados.

Na casa un intre de conversa co labrador, entrementres engulía a cea que me serviu a súa muller.

Despois quedei só a remexer papeis nun van amplexo —que fora sala nalgún tempo— separado da miña alcoba por un longo corredor…

Sempre tiven propensión ó sobresalto. A soedade, as tebras, o silencio, aínda hoxe me inquedan.

Aquela noite, ó me quedar só —¿por que non dicilo?— o desacougo encomenzou a escarabellar no meu maxín.

A casa, de muros balorentos e madeiras vellas, que xa de neno me impuña certo medo, agora chea de vagalumes de lembranza, parecíame aínda máis labiríntica.

Os teitos baixos, de trabes mal arrefeitadas, daban á sala unha falsa longura.

Ademais a luz ruín do anaco de cirio con que me alumeaba, facía máis imprecisos os límites do van e máis turdios tódolos currunchos.

As tebras do corredor entraban no van en frías bafaradas e amontoábanse a rentes das paredes, estreitando o seu cerco esmorecido para afogar mainamente, coma os criminais voluptuosos, a luz chea de sono.

O latexar da chama escorrentaba por vegadas o asedio das sombras, pero de novo asolagaban os currunchos en mestas moreas.

Folleando as escrituras decateime de que tiña que examinar unhas notas que deixara na miña alcoba. Erguinme e saín da sala deixando nela o cirio aceso.

Polo corredor as mil poutas das tebras, como picos de silveira prendíanme a roupa. Pero non fixen caso. Un home asisado non debe facer caso, anque o latexar do peito sexa un barullo de fragua. Sen respingar pasei por diante de moitas portas abertas.

Soamente ó chegar á miña alcoba saquei a caixa de mistos e rasquei un na lixa. Rasquei tres con toda serenidade. O terceiro prendeu. Para defende-la chama, que un ventiño traidor estivo a rente de matar, fíxenlle pantalla coa man. Despois mirei arredor, desafiante… Ninguén.

Apañei as notas, guindei o misto e funme cara á sala polo corredor.

¿Quen estaba alí agora?

Eu non vía a ninguén. Non vía máis que o resplandor do cirio enchendo o vao da porta. Mais aquel resplandor «non podía estar só». ¿Comprendedes? Aquela luz roxa, inqueda, enmarcada na porta, dábame, non sei por que, a extraña seguranza de que dentro había alguén, absorto en pensamentos de lóxica inaccesible. Quizais ó me sentir entrar erguese a testa para me dirixir esa ollada perplexa con que son acolleitos os intrusos. Porque aquel resplandor «xa non era meu». Era seu.

A luz roxa nin podía estar soa nin me pertencía.

Non sei se me dixen todo o que levo dito. Mais cando me dispuxen a entrar na sala, ía resolto a soster dignamente aquel ollar perplexo…

Entrei. Un trallazo de espanto deixoume entalecido… Na sala, silandeira e triste, non había ninguén.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *