5 Historia dun xoguete

Alá na mesma proa, ergueita e garbosa, onde o lío de cordas e de panos era máis revesgado, Bastián (nunca esquecerán o seu nome na vila mariñeira que xa non o agarda) ía sacando virutas, coa súa faca arrichada como peixe na malla, a un anaco de pino, branco e dócil. E un día e outro máis cando as velas penduraban floxas, preguiceiras, tal uns estandartes que non tivesen grea que enfervoar, ía saíndo do seo da madeira informe un barquiño feituco, moi ben arrefeitado, con tilla, paneis e todo, talmente da fasquía da goleta en que Bastián navegaba.

Os ollos dos picariños que alá na beiramar andaban en riola atrás da nai, encheríanse de asombro e de degoro cando visen o xoguete xa rematado, con relingas e rizos nas velas, motóns para subilas e baixalas, escadas e salvavidas polas bandas e, na popa, moi ben posto, con moita fachenda, o nome: «Nosa Señora do Carme». O mesmo nome da goleta. Na proa (non hai que esquecelo) lista e folio.

Teríano entre as mans con lecer de abondo para ben admiralo e aprender como son os navíos dos grandes portos e dos mares longanos, que eles verían retratados nos ollos do pai, nas comedidas falas de quen sabe o que é mundo e o que son traballos. Despois, o mesmo Bastián, ergueito sobre un tallo que había de lle trae-la súa dona, tiña de penduralo da trabe do teito, mesmo diante da balconada que, por baixo das tellas, mira cara á badía e os rexos montes da outra banda, por veces envolveitos en veos de invernia, ou de súpeto esparexidos e afincados co bo tempo.

Foi un día polo serán —xa estaba o xoguete rematado— cando da longanía, que se fora atafegando de cinza sanguiñenta, encomenzaron a chegar unhas ondas pequerrechas e a marmular espácigas noticias, todas cheas de susto. Despois viñeron longos, vertixinosos rulos, pregoeiros destemidos dos escuros monstros que andaban xa a bruar polo horizonte.

Correron os mariñeiros dunha banda para outra e axiña ficaron quedos e atentos, cada un no seu posto.

02_xoguete

Os mastros da goleta, antes tan pequechos baixo o inmenso fanal do ceo azul, medraron fantasticamente. Sacou o peito fabuloso con máis arruallo o mascarón da proa. Tódalas táboas enchéronse de orgullo ó se lembraren de que eran mariñeiras. E unha flauta invisible desenrolou o galardete dunha rara e teimosa tocata. As velas, que no primeiro intre barullaran, ficaron despois tensas e caladas, nun bélico e duro silencio.

E a goleta, ousada e xigante, voou a esfuraca-las tebras.

O máis pequeno foi o que topou entre argazo e melfas mortas unha cousa que non remataba de desenliar. Quedárase moi atrás, e viña correndo, a se debater coa risa e a area que lle alongaban o camiño. Se non lle saísen ó paso os outros dous irmáns non daría chegado. Os tres encomenzaron de súpeto a garular e a se disputaren aquilo con tanta bulla que as gavotas esbardaron en xiros de aglaio. Tivo que media-la nai que andaba apañando argazo un pouco arredada.

Coa cara chea de bágoas e de risa o máis pequeno, que non quixera arria-lo tesouro, tivo que pousalo, entre ledo e arrabeado, nas mans da nai, que foi quen rematou de descubrilo. Nunca viran barquiño tan feituco. Non lle faltaba nada, nin sequera o nome, posto con moita fachenda ó longo da popa: «Nosa Señora do Carme».

Cando voltaron á casa pendurárono dunha trabe do teito, mesmo diante da balconada que mira ó mar. Hai moitos anos que arrandea co pulo da araxe tódalas mañanciñas, ó franquearen os vidrais.

En canto a Bastián o navegante… endexamais voltou. Polo branco e longo areal vai ás veces unha muller de loito, a roupa en remuíño, a panela de argazo moi apirucada.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *