10 Na morte de Estreliña

Chamábase Estreliña e era moi gabaxeira e linda.

Dicíalle a nai: Vai á fonte, Estreliña.

E Estreliña ía á fonte.

Dicíalle a nai: Vai á horta, Estreliña, e dille a papá que deixe a poda e veña xantar.

E Estreliña ía a correr, moi contenta de cumpri-lo mandado e chamaba polo pai.

Dicíalle o pai: Ponte queda, Estreliña, que che vai traba-lo can.

E Estreliña poñíase queda, toda a cara en lume, a surrir.

E dicíalle a irmá casadeira: Vai á escola, Estreliña.

E Estreliña collía o catón e moi dereita e leda íase camiño da escola.

E así sempre.

E cando a vían os outros picariños berraban xa de lonxe: ¡Estreliña! ¡Estreliña!

E alá ía Estreliña a correr, depenicando un cornecho, e dáballes un anaco e xogaban ás moradas.

E ás veces, moi cedo, pasaba por baixo da súa fiestra un neno, e dicía: ¡Estreliña!

E a cara de Estreliña, a surrir tan campante, aparecía na fiestra un intre. Un intre nada máis. E o neno íase a correr e a rir, coma se fixese unha trasnada.

E así sempre.

E un día Estreliña morreu. Estaba no cadaleito bonita coma sempre, e tan campante.

E a nai, e a irmá casadeira, atrás do cadaleito, choraban. A irmá casadeira choraba e lembraba as cousas miúdas que a miúda Estreliña facía tódolos días.

E a nai case que non dicía nada.

Só dicía por veces, medindo e apoiando o pranto da filla casadeira:

— Estreliña, vai á fonte. Estreliña, vai á horta. Estreliña, vai á escola… ¡Estreliña onte! ¡Estreliña hoxe! ¡Estreliña mañá!

seoane-dieste-estrelinha

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *