14 Na ponte de ferro

¿Por onde andará aquel home? Quizais nos sotillóns dalgún cargueiro, alá na Habana, axudando ós negros a estivar sacos de azucre. Quizais viaxando no curuto dunha morea de carbón, nunha desas vagonetas a onde o revisor non chega. Ou lavando vaixela a vapor nun xigantesco hotel neoyorkino. Ou aplacando a fame dos fornos coa pa dos fogoeiros…

Non o vin máis que unha vez. Estaba eu de cóbados no petril daquela ponte — por baixo dela pasaban ouleando as locomotoras —, e preto de min, envolveito por veces nas mesmas fumaradas, estaba o que vos digo. Moi calado, pero téndome en conta, pareceume. Téndome en conta como compañeiro.

Cando rompeu a falar foi coma se seguise un suposto palique entre os seus pensamentos e os meus sobre as voltas da vida que nos trouxeran ata alí, ata aquel porto quente do Golfo de México. Distintas, xa se sabe, pero así son as voltas da vida. Cada un é un caso, e por vieiros moi desemellantes imos esmorecer e a nos irmandar nas mesmas ribeiras, por veces nin soñadas. ¿Eu tamén sen traballo naquel intre, non si? Non tiña por que me poñer encarnado. No fío dos consellos ensartáronse os exemplos, e axiña as lembranzas, que corren porque teñen que correr.

Noviño aínda naquel tempo, presumía xa eu de home sufrido, en loita lanzal coas esquinadas ou furentes afrontas do mundo. E falando de si coma se falase dos dous, aquel bo compañeiro parecía darme a razón …

Non obstante, así como enchía a marea das evocacións no seu falar inxelo, debalaba a miña recatada fachenda. ¡Que pequeniñas se ían virando as miñas loitas de par das daquel home, nada queixoso e, ben mirado, tan rapaz coma min!

Coñecía a xungla e o deserto, a sede longa que fai chorar á vista dunha fonte, a rudeza dos grandes fardos preguiceiros enriba das costas, baixo as olladas de xeixo dos capataces; o xantar miserento compartido cun can vagamundo, que lambe ou roe do mesmo refugallo ó pé das altas grúas. Eu en troques… Non, non lle quixen contar nada.

Pensei nas miñas arelas, grandes e imprecisas por aquelas datas, e pregunteille cales eran as súas, que recompensa agardaba, que fito ideal poñía no remate daquel longo camiño, tan azarento e ríspido.

A súa resposta deixoume barado… Hoxe, con máis anos, enténdoa mellor. Alumeóuselle o semblante, ríronse os ollos, cobizosos coma os dun neno, dende moi adentro, e dixo, a rente xa de se despedir:

— O que eu quero é ter un quiosco de periódicos, todo pintado… moi ben pintado, alá nunha praciña que eu sei… ¡Vira que ledo sol dá alí polas mañás!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *