18 O drama do cabalo de axedrez

Enche a escena o taboeiro de axedrez baixo un ceo de estrelas e de lúa grande, medio encuberta ás veces polo paso dun escuro nubeiro. Ó se ergue-lo pano veranse tódalas pezas, cada unha no seu sitio, non sendo o Cabalo Branco de Rei.

O REI PRETO. ¿Estades todos?

Un PEÓN PRETO, moi tesiño no seu posto. Estamos, si, señor.

O REI BRANCO. ¿Estades todos?

O ALFIL BRANCO DE REI, despois dun silencio, e vendo que ninguén se adianta a falar. Aquí falta un… O Cabalo da miña banda.

O REI BRANCO. ¡Ese Cabalo, ese Cabalo!… ¡Sempre ha de pasa-lo mesmo! E agora, nin que quixese complicar máis aínda as falas das estrelas, facéndose el o agoirento…

Un PEÓN BRANCO, lareto e espilido. ¿Quere que eu vaia buscalo?

Os OUTROS PEÓNS BRANCOS, a se riren con bulla. ¡O valente! ¡Que vaia logo! ¡Vaille dar unha dentada!…

O ALFIL BRANCO. ¡Tanta garula! ¡Que se calen eses rapaces! (Ó Rei, alongando o pescozo): Paréceme que aí vén.

O PEÓN ESPILIDO. Si, rapaces, rapaciños… ¿E quen vai diante? ¿E quen é o primeiro que se deixa engulipar? Tanta garula… ¡Tanta fachenda, digo eu! Despois, na caixa, todos somos uns.

O ALFIL. ¡Coidado! ¡Velaí vén xa!

Baixo o pulo da sombra que o trae ó seu destino, chega o Cabalo Branco de Rei, con algúns desvíos remolóns, e nun deles derruba ó Peón falador.

O PEÓN. ¡A modo! (Érguese indignado).

O REI BRANCO, ó Cabalo. ¡Sempre has de se-lo mesmo! ¿Por que diaños tardabas tanto en vir? (O Cabalo péchase en si). ¿Pódese saber, señor Cabalo, por que non responde ás preguntas que se lle fan? ¡Que lle fago eu!

O ALFIL BRANCO, intervindo diplomático e con media mofa. Disque non quere ser Cabalo… Que quere ser Alfil.

O CABALO BRANCO, estoupa. ¡Iso é todo o que cabe nunha cachola de Alfil, apirucada e esguellada! ¿Quen me oíu a min dicir nin en soños cousa tan cativa? (Cunha risada de supercabalo): ¡Alfil eu!

O REI BRANCO, impoñente e sorrinte, cunha amizosa ollada para o Alfil e un conciliador caer de pálpebras adicado ó Cabalo. Cálese vostede, señor Alfil, e deixe dicir ó señor Cabalo o que el sabe mellor que ninguén.

O CABALO BRANCO. Eu non quero ser Cabalo, Cabalo e nada máis que Cabalo, pero tampouco non quero ser Alfil, nin Peón, nin Torre, nin Rerr… (Detense a tempo baixo os ollos acesos e agraviados do Rei e da Raíña e, en troques de dicir «nin Rei», finxe un tosido e segue): Eu quero ser algo que sexa a un tempo Cabalo e Alfil e Peón e Torre e…

O REI BRANCO, de novo picado. ¿E Rei? ¡Fala! ¿E Rei?

O ALFIL BRANCO, medio por salvar ó Cabalo do compromiso, medio por se chufar del. Non, el non ía dicir semellante cousa, Maxestade. Ía dicir… Xogador das Brancas, ¿non si?

A RAÍÑA, de súpeto. ¡Xogador das Brancas! ¡Xa non hai respeto nin para o Xogador das  Brancas! (Ergue os ollos ó ceo, no que se enredan os agoiros).

O CABALO BRANCO, xa no pendor das confesións ousadas. ¡Pois si! ¡Xogador das Brancas tamén!

O REI. Non se lle entende; quen sabe onde andou.

A RAÍÑA. Ou en que compañas… (Ó Cabalo da súa banda): ¿Ti non serás coma teu irmán?

O CABALO BRANCO DE RAÍÑA. Non, señora, non, o mesmo pau, a mesma feitura, e non lle entendo.

A RAÍÑA. Fas ben. Eu tampouco. E non obstante, sen min todo vai costa abaixo.

Óese o frémito impaciente do Rei Preto.

O REI PRETO. ¡E logo! ¿Saen ou non saen?

OS PRETIÑOS. ¡Vinde para acó, louridos! (Aturuxan).

OS BRANQUIÑOS. ¡Alá imos, tizóns! (Aturuxan).

O REI BRANCO. Abonda xa. ¡Silencio! Adiante ese Peón. ¡Ollo! ¡Soamente un paso!

O PEÓN. ¿Mudáronse os costumes? ¿Non eran sempre dous?

O REI BRANCO. ¡Un, estou dicindo! Así, moi ben.

O PEÓN. É boa moda. O pretiño de alá está a cavilar… ¡Tamén deu un pasiño! Axiña aprendeches, túzaro.

O REI. Cala, besbello. Agora ti, seu curmán, adiante. Dous pasos e firme, sen medo ó fendeángulos que xa che vén buscando as voltas. Ti, Cabalo metafísico, un chouto cara á banda da Torre. Que a de alá non recee o que matinas. ¡Defendédeme ben! ¡Ánimo todos! ¡Cada un ó seu!

Seguen as ordes e as arengas.

O ALFIL DE REI, á Torre. O Cabalo coida que soamente na súa cachola caben esas cousas. Eu tamén… ¡Se vises que envexa me dá o teu sino. Iso de ir por unha ancha estrada sen teres que te escabulir, coma min, por esa reganduxa das esquinas…

A TORRE. E se soubeses ti que envexa me dá esa falarica con que fendes dende lonxe…

O ALFIL. E a min as túas anchas costas…

Un PEÓN QUE ESCOITA. Pois eu sentín unha vez sobre min as anchas costas da Torre con tanto peso que coidei que eran miñas.

A TORRE. ¿Sabedes que é certo? Tamén eu teño sentido o escarabellar do Alfil da outra banda con tanta sobreteima que cheguei a coidar que a súa falarica era miña dalgún xeito.

O PEÓN. E unha vez, lémbrome, sentía pasar por min tantos camiños que, canto máis Peón era, máis coidaba ser eu soíño todo o xogo.

OUTRO PEÓN. ¡Tantos camiños!… Polo que levas vaste ensarillar. Aquí chaman por ti.

O PRIMEIRO. Alá vou.

O ALFIL. ¡Ser un todo o Xogo! Quizais non estivese mal… ¡Se eu fose todo o Xogo, que xogo alfilino, alfilinísimo sería! ¡Zis, zas… zis! Mate. Acabouse.

De súpeto hai un aglaiado rosmar de moitas pezas. As ordes trúncanse, tatexan. Encóbrese a lúa. Escuridade.

O REI, dende o cumio do rebumbio. ¡Quedos! Ninguén se mova de onde está. ¡Os faros! ¡Listo, listo! (A unha Torre adormiñada): ¡Que! ¿Non me estás oíndo?

A TORRE. Tanto tempo esquecida, inmóbil, botei un soniño. (Sacando, aceso, o seu farol e esculcando ó lonxe): ¿Por onde vai o Xogo? ¿Que vai pasar? ¿Que pasa?

O ALFIL, alongando o pescozo. Agora, ren. É o fin.

O PEÓN ESPILIDO. ¡ O Cabalo de Rei galgou de súpeto pola súa conta e foi morrer ó pé da Raíña Preta! ¡Para min que se suicidou!…

A RAÍÑA BRANCA, Á Torre, que aínda sostén a luz por alto, coma un faro. Agora xa non fai falta que alumees. ¡Se cada un se contentase con se-lo que é, como eu me contento con se-la Raíña Branca!

A TORRE, mentres apaga e garda o seu farol. Así é, así é… Seica vou botar outro soniño.

Vaise esvaíndo e mergullando nun silencio estantío o marmular das pezas, e todas fican tesas e caladas, mesmo coma se fosen de madeira. Segundo se vai descubrindo a lúa, marela agora e amuada, cae o pano.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *