11 O grandor do mundo

Tanto oíra falar de Bos Aires, das rúas longas e dereitas que non se dan admiradas nin andadas, da prata relucinte e xenerosa con que alá premian o traballo, dos boletíns de moitas llanas e da xente sabida que os le, dos longos trens que brúan pola pampa infinda e de mil cousas ledas, lanzais e rumbosas, tanto oíra falar, entrementres coa navalla barbeira — a máis leviá da vila — percorría as fazulas dos seus parroquianos de sempre, e tanto no seu maxín escarabellou o falado, que un día topouse de súpeto coa circia decisión de ir a aquelas terras. Dez anos alá, e voltaría rico de pecunia e lembranzas.

Unha mañanciña saíu da vila cun baúl pequerrecho.

Cando chegou ó porto — endexamais vira unha cidade — sentiuse atordoado e como sen corpo naquel reducio de escintilos e rumores novos, e a rentes andou de voltar. E hai quen di que dixo moi admirado, moi anguriado e moi polo baixo:

— ¡Que grande é o mundo!

* * *

Dez anos alá e voltou rico de penuria e lembranzas.

Chegou en tempo de invernía, cando anda os gatos a se pasearen pola casa moi desacougados, e as galiñas fan ríngolas na sombra do alpendre, e as badaladas que chaman á novena fan o serán esguío, espiritado.

E cando estivo na casa e pasou o lado barullo do recibimento, púxose a cantarexar baixiño algo que encomenzou en tango e rematou en vella cántiga, mentres os vidros da fiestra choromicaban diante dos seus ollos, estrangoando a rúa humilde.

Algo moi vello e moi novo foi sortindo solermiñamente de non sabía que esquecidas veas do seu intro. E sentiuse asolagado ate a gorxa de doce e rara anguria de morto revivido. E cando pasaron uns picariños correndo e salmodiando aquilo…

Chove, chove
na casa do probre
na miña non chove…

…marmulou coa voz esnaquizada:

— ¡Que grande é o mundo!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *