1 Sobre da morte de Bieito

Foi preto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ó pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito eu era un). ¿Sentino ou foi aprensión miña? Entonces non  podería aseguralo. ¡Foi un rebulir tan maino!… Como a teimosa puvulla que rila, rila  na noite, rila de entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir.

Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto —comprendede, escoitade— polo tanto non podía, non debía dicir nada.

Imaxinade nun intre que eu dixese:

O Bieito vai vivo.

Tódalas testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco aglaio. Tódolos pícaros que viñan extendendo a palma da man baixo o pingotear da cera, virían en remuíño arredor meu. Apiñocaríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por tódolos beizos un marmular sobrecolleito, insólito:

¡O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!…

Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga. E eu sería o gran revelador, o salvador, eixo de tódolos asombros e de tódalas gratitudes. E o sol na miña face cobraría unha importancia imprevista.

¡Ah! ¿E se entonces, ó ser aberto o cadaleito, a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magno asombro viraríase inconmensurable e macabro ridículo. Toda a arelante gratitude da nai e das irmás, tornaríase despeito. O martelo espetando de novo a caixa tería un son sinistro e único na tarde estantía. ¿Comprendedes? Por iso non dixen nada.

Houbo un intre en que pola face dun dos compañeiros de fúnebre carga pasou a insinuación leviá dun sobresalto, coma se el estivese a sentir tamén o velaíño boligar. Mais non foi máis que un lampo. De seguida ficou sereno. E non dixen nada.

Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ó da miña banda e, acobexando a pregunta nunha surrisa de retrouso, deslicei:

— ¿E se o Bieito fose vivo?

01_sobre_morte_bieito

O outro riu picaramente coma quen di: «Qué ocorrencias temos», e eu amplifiquei adrede a miña falsa surrisa de retrouso.

Tamén me vin a rentes de dicilo no camposanto, cando xa pousarámo-la caixa e o crego requeneaba.

«Cando o crego remate», pensei. Mais o crego acabou e a caixa deceu á cova sen que eu puidese dicir nada.

Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde, rubíronme ata a gorxa as verbas salvadoras… Estiveron a punto de xurdiren. Mais entonces acudiu novamente ó meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se topaba morto e ben morto. Ademais o dicilo tan tarde acrecía o absurdo desorbitadamente. ¿Como xustificar non o ter dito antes? ¡Xa sei, xa sei, sempre se pode un explicar! ¡Si, si, si, todo o que queirades! Pois ben… ¿e se tivese morto despois, despois de o sentir eu remexerse, como quizais puidese adiviñarse por algún sinal? ¡Un crime, si, un crime o me ter calado! Oíde xa o rebumbio da xente…

— ¡Pediu auxilio e non llo deron, malpocado!…

— El sentía chorar, quíxose erguer, non puido…

— Morreu de espanto, saltoulle o corazón ó se sentir decer na cova…

— ¡Velaí o tendes, coa cara torta do esforzo!

— ¡E ese que o sabía, tan campante, aí a surrir coma un pallaso!

— ¿É parvo ou que?

Todo o día, meus amigos, andei tolo de remorsos. Vía ó pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto, máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida. Chegoume a parecer que todos lían nos meus ollos adormiñados e longanos a obsesión do delito.

E alá pola alta noite —non o puiden evitar— funme camiño do camposanto, coa solapa subida, ó arrimo dos muros.

Cheguei. O cerco por unha banda era baixiño: unhas pedras mal postas, apreixadas por edras e silveiras. Paseino e fun dereito ó sitio… Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xioume o sangue. No seo da terra unhas unllas desesperadas rabuñaban nas táboas. ¿Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho… Ía xa cara a el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entonces si que sería absurda, tola, a miña presencia alí, daquelas horas e cun sacho na man.

¿Ía dicir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo?

E fuxín coa solapa subida, pegándome ós muros. A lúa era chea e os cans latricaban lonxe.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *